Os atletas Alexandre Otero Iglesias (Triatlón Rianxo) e Verónica Calvo Dopazo (CDM Vértice) gañaron con autoridade o Trail de Lousame 2022, que se celebrou este domingo polos montes lousamiás. No trail curto os gañadores foron Álvaro Campos Villaverde (CPC Toxo) e Inés Ramos Trasar (CDM Vértice).
A proba tivo lugar sen incidencias e os 130 participantes puideron chegar á meta sen problema algún, máis aló dalgún abandono por lesión. Un feito que cómpre salientar xa que a carreira foi obxecto dun intento de sabotaxe horas antes do seu inicio, tal e como denunciou o tenente de alcaldesa, Ramón Martínez, diante da Garda Civil. Na denuncia recóllese que “durante la tarde de ayer o esta madrugada, autor/es desconocidos han movido los carteles indicadores que se había colocado con motivo de una prueba deportiva de trail”
Un feito que foi detectado por persoal municipal e voluntarios/as apenas un par de horas antes do inicio da proba, facendo unha última rolda de comprobación. Dende a organización sospeitan que se trata de alguén que coñece ben a zona e que actuou con moi mala fe, xa que non só quitou postes ou xirou as frechas que marcaban os camiños, senón que fixo marcas erróneas con sprays. Unhas alteracións que afectaron a 9 quilómetros do percorrido de ambas as dúas probas e que, de non seren corrixidas a tempo, levarían aos corredores a confundirse de camiño e perderse polo medio do monte.
Dende a organización destacan tamén que ningunha das alteracións tivo lugar en cruces transitados ou que se puideran comprobar de xeito rápido en coche, senón que se fixeron naqueles puntos aos que unicamente se podía chegar a pe e, especialmente, naqueles que terían impedido ao participante atopar o camiño correcto. Afortunadamente, a rápida actuación do persoal municipal e dos máis de medio cento de voluntarios/as permitiu corrixir todas estas falcatruadas e que a proba se desenvolvera con total normalidade.