O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou este luns na coroación canónica da imaxe da Virxe da Xunqueira, a patroa de Cee, un acto que serviu como clausura do Ano Xubiliar Mariano. Tamén estiveron presentes a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, entre outras autoridades. O acto, presidido polo Arcebispo de Santiago, Julián Barrio, puxo o punto final a este intenso Ano Xubilar. A Praza Domingo Antonio de Andrade acolleu un gran altar, onde se celebrou a misa de campaña e a coroación, onde tamén interveu a Irmandade Esperanza Macarena de Sevilla, que amadriñou a coroación, e regalou á parroquia ceense un cadro coa imaxe da Macarena. Tras o oficio relixioso e a colocación das coroas á Virxe, esta saíu en procesión con sete paradas polo pobo antes de volver ao templo.
0