O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participará este mércores na entrega das Bandeiras Azuis 2025. O acto terá lugar ás 12:30 horas na praia de Balarés, no Concello de Ponteceso.
Galicia terá este ano un total de 108 praias en 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.
Deste xeito, Galicia concentra case unha de cada seis bandeiras concedidas en España (642) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 143) e Andalucía (138).
En todo caso, supón unha diminución de seis distintivos respecto ao ano anterior (perde 9, pero gaña 3) Aínda así, mantense como a terceira comunidade autónoma con maior número de praias recoñecidas pola súa calidade ambiental, seguridade, servizos e instalacións.
Dos 108 areais galegos galardoados na presente edición, cómpre subliñar que O Mende, en Vigo, recibe este distintivo por primeira vez. Ademais, outros dous —Grande, en Miño, e San Francisco, en Muros— recuperan este ano a bandeira que non luciron en 2024.