Alfonso Rueda será presidente de Galicia o 14 de maio

1 minutes read

Pedro Puy, portavoz do Grupo Parlamentario Popular, foi o encargado de comunicarlle ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o nome de Alfonso Rueda como candidato a presidir a Xunta de Galicia. A sesión de investidura arrincará o 10 de maio co discurso do candidato proposto polo Partido Popular. 48 horas despois retomarase coa intervención dos portavoces dos grupos parlamentarios. Tras o debate, nesa mesma xornada, producirase a votación en que o candidato deberá recibir o apoio da maioría absoluta da Cámara. Nesta votación participará o propio Alberto Núñez Feijóo antes de abandonar a súa acta como deputado do Parlamento de Galicia. Na xornada posterior, o xefe do Lexislativo comunicará ao rei o nome do próximo presidente da Xunta, que tomará posesión nunha sesión solemne o vindeiro sábado 14 de maio.