Alfonso Rueda toma posesión como presidente da Xunta de Galicia


Alfonso Rueda Valenzuela xurou este sábado o seu novo cargo como presidente da Xunta de Galicia nun acto solemne que se celebrou no Parlamento. Presente estivo o seu predecesor no posto, Alberto Núñez Feijóo, e o expresidente do Goberno Mariano Rajoy. Xa como presidente, Rueda reivindicou o pasado e dixo ter os “pés firmes no presente” ao tempo que afronta con “ilusión e confianza no futuro”. A toma de posesión de Rueda serviulle de posta de longo ao Parlamento, que congregou no Pazo do Hórreo en Compostela máis de medio milleiro de persoas despois de dous anos en que os grandes actos se viron limitados pola pandemia sanitaria a causa da covid-19.

Rueda contou ademais co apoio “in situ” dos presidentes autonómicos de Madrid, Castela e León e Murcia; os populares Isabel Díaz Ayuso, Alfonso Fernández Mañueco e Fernando López Miras, respectivamente. Tamén coa participación entre outros do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, e a vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, a ferrolá Yolanda Díaz, como representante do Goberno central. A toma de posesión de Rueda desenvolveuse no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia.