Acompañado da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e pola alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, o presidente do Goberno galego, puxo en valor a riqueza histórica, natural, cultural e produtiva da costa “da comunidade autónoma con máis quilómetros de costa”, máis de 2.500, e que concentra máis do 50% do emprego do sector nacional do mar e achega arredor do 5% do PIB galego a través da cadea mar-industria.
A Lei de ordenación e xestión integrada do litoral en Galicia (Loxilga), en vigor desde hai dous anos, converteu Galicia na primeira Comunidade Autónoma en regular por lei a totalidade da súa costa, exercendo desde o pasado 1 de xullo, tal e como lembrou o presidente, a súa xestión plena e efectiva co traspaso das funcións e servizos correspondentes. Segundo explicou, este marco normativo supón un punto de partida que dota a Galicia da capacidade de actuar e planificar o futuro do seu litoral, algo que “pagaba a pena xestionar”.
Rueda sinalou que o futuro catálogo, “moi heteroxéneo”, será un dos primeiros froitos desta nova etapa. Tras revisar un inventario inicial de máis de 450 edificacións nos 86 concellos costeiros, completouse un estudo exhaustivo que elevou a cifra a máis de 1.600 elementos con valor cultural. Deles, tal e como destacou o presidente, arredor de 870 son edificacións que poderán ter novos usos compatibles coa súa conservación, como faros, muíños, hórreos ou a propia fábrica baleeira de Cee.
Neste sentido, o titular do Executivo galego destacou que o obxectivo é revitalizar estas construcións para que deixen de “esmorecer”, ser ruínas esquecidas, e se transformen, de novo, en espazos útiles, xeradores de actividade, emprego e orgullo colectivo.
Ademais, subliñou que o proxecto de decreto do catálogo está xa en tramitación, tras unha consulta pública realizada este verán. O próximo paso será sometelo a información pública en outubro coa previsión de aprobalo “antes de que remate este ano”.
O presidente salientou que a Xunta xa está a traballar tamén na senda que conectará todo o litoral galego desde Ribadeo ata A Guarda.
Axudas por 5M€ para potenciar o turismo de costa
Neste contexto, hoxe ábrese o prazo para que os titulares -persoas físicas ou xurídicas- de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración situados en municipios costeiros de Galicia poidan optar á liña de axudas destinada ao embelecemento do litoral galego. Esta convocatoria supón un investimento de 5M€ en distintas actuacións de mellora enerxética, dixitalización e mellora das fachadas dos edificios da liña de costa de Galicia. Ademais, vén a activar o Plan do Litoral e ten como principal obxectivo potenciar o turismo de costa.
En concreto, poderán optar hoteis, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, entre outras tipoloxías de aloxamento e tamén restaurantes, cafetarías e bares. O prazo rematará o 12 de novembro e as actuacións e os gastos vinculados coa axuda concedida deberán estar realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 30 de xuño de 2026.