Alfredo Brañas recibe o recoñecemento dos concellos que marcaron o principio e o fin da súa vida


Alfredo Brañas descansa no Panteón de Galegos Ilustres fronte a Rosalía de Castro e a carón de Castelao. E nese espazo reservado ás grandes figuras da historia de Galicia recibiu hoxe, coincidindo co seu 119º cabodano, o recoñecemento dos dous concellos que marcaron o principio e o fin da súa traxectoria vital: Carballo, onde naceu, e Santiago, onde morreu.

Os dous alcaldes, o carballés Evencio Ferrero e o compostelán Martiño Noriega, acompañados pola presidenta da Asociación do Padroado Alfredo Brañas, Adriana Hurtado de Mendoza, participaron nunha ofrenda floral á que se sumaron boa parte dos membros do padroado, veciñanza de Carballo entre a que se atopaba a directora do IES Alfredo Brañas e tres sobriños-netos do autor de El Regionalismo. Unha coroa de loureiro e a interpretación colectiva do Himno Galego a son da gaita simbolizaron o respecto, a lembranza e o recoñecemento dos dous pobos a unha das figuras claves da historia política, literaria e xornalística de Galicia.