O concelleiro non adscrito Alfredo Cañizo, que se presentou á alcaldía de Malpica na convocatoria electoral de maio de 2019 baixo as siglas de Ciudadanos, dixo «ata aquí chegamos». Fíxoo este mércores presentando a súa dimisión irrevogable na sociedade de goberno que mantiña co PSOE e o BNG, coalición que desbancaba por aquel entón ao PP do goberno local tras oito anos no poder, dándolle co seu voto a alcaldía ao socialista Walter Pardo.
Alfredo Cañizo Garrido estaba vinculado á concellería de Seguridade Cidadá, Tráfico, Servizos, Medio Rural e Turismo. Unha posible intromisión en áreas da súa competencia e a escasa comunicación cos seus socios de goberno podería ser a pinga que colmou o vaso para que Cañizo tomase definitivamente a decisión de dimitir.
Agora, con Cañizo na oposición, o seu voto segue sendo clave para acordos plenarios ou de goberno local dado que PSOE suma 4 concelleiros, BNG 2 e PP 6. Polo que a chave de gobernabilidade de Malpica segue estando en mans de Alfredo, para acordos de maioría ou mesmo a xestión co PP dunha posible moción de censura.