Alivio nas restricións en Santiago e Ourense


O comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia decidiu aliviar as restricións nas denominadas áreas perimetrais de Santiago-Ames-Teo e Ourense-Barbadás-O Pereiro de Aguiar, que pasarán ao nivel dous, xa que a evolución epidemiolóxica así o permite. Tamén verán aliviadas as súas limitacións A Estrada, en Pontevedra, e Ares, na provincia da Coruña, de maneira que a hostalería xa non necesita seguir clausurada e tampouco os movementos estarán limitados. Pola contra, na Guarda (Pontevedra) e As Pontes (A Coruña), pasarán a formar parte da listaxe de 56 concellos con medidas especiais. Boiro, Ordes e Cerceda, así como na Lama e na Rúa haberá unha “especial vixilancia” debido á preocupación que existe ante os datos que se van coñecendo. A Consellería de Sanidade incidiu na nota remitida á prensa esta pasada noite na necesidade de cumprir de maneira estrita coas restricións impostas para así conseguir que as mesmas vaian diminuíndo progresivamente.