Allariz celebrará a II Feira dos Produtos Apícolas o 15 de setembro

2 minutes read

Será un gran escaparate dos produtos das abellas, que amosará toda a súa riqueza e diversidade a través dos máis de 25 postos de apicultores e apicultoras de toda Galicia e Portugal. Os visitantes poderán coñecer e degustar unha gran variedade de meles de diferentes tipos, os variados produtos da colmea, como o pole ou o própole, e outros produtos artesanais, como bebidas elaboradas con mel (infusións, cervexas ou hidromel) ou cosmética apícola (xabóns ou bálsamos).

Pero esta feira pretende ser máis que un tradicional mercado e amosar moito máis aló dos produtos da colmea. Na xornada terá lugar a presentación do proxecto «Apiturismo Xacobeo 2021», realizado pola Asociación Galega de Apicultura dentro do programa O Teu Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, e unha exposición fotográfica sobre este tema, que amosará a beleza das paisaxes galegas e a milenaria tradición apícola, cunha arquitectura única no mundo. Para descubrir a orixe dos diferentes meles o público coñecerá cales son as plantas preferidas polas abellas a través dunha exposición sobre flora melífera, que encherá de flores e abellas o casco histórico de Allariz, e unha charla para aprender cales son as mellores plantas para as abellas e as súas propiedades.

Durante toda a xornada haberá un amplo e variado programa de actividades para todos os públicos. Demostracións en directo da esmelga, a extracción de mel dos panais, e a elaboración tradicional de candeas. Os máis pequenos poderán aprender todo sobre as abellas xogando e disfrutando nun espazo infantil con interesantes e divertidas actividades. Ofrecerase unha degustación de meles combinados con outros produtos da gastronomía galega e un obradoiro de cociña con mel, para aprender a elaborar deliciosas e saudables receitas. E haberá un concurso para escoller o mellor expositor da feira e sorteos de varias cestas de produtos entre o público visitante.