- A presentación tivo lugar este luns no Concello de Carballo, na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e a presidenta de Aloumiños, Claudia Bajo.
A asociación carballesa Aloumiños, en colaboración co Concello de Carballo, traerá música e ilustración esta fin de semana con motivo da celebración, no Pazo da Cultura, do seu 4º Festival Solidario Inclusón e da presentación do calendario do Concurso “Xunt@s sumamos”. Unha dobre xornada, enmarcada no ciclo ‘Novembro con música’ da Concellería de Cultura, coa que Aloumiños pretende compartir o ocio saudable e inclusivo con todos os veciños mediante a música e a ilustración.
O sábado 23, ás seis da tarde, no Salón de actos do Pazo (2° andar) comezará a presentación e entrega de premios do “Calendario Aloumiño 2020”, ilustrado polos gañadores do concurso “Xuntos Sumamos” que organiza a entidade e no que participa alumnado de primaria dos centros educativos de Carballo e toda a Costa da Morte. O certame ten o obxectivo de fomentar a participación, a empatía e a inclusión, así como educar aos nenos e nenas en valores, o mesmo na casa que na escola, favorecendo a convivencia tanto no colexio como na comunidade. O xurado deste ano estivo composto por los artistas carballeses Milagros Cotelo e Mon Lendoiro e polo sociólogo, tamén carballés, Santi Pazos.
O domingo 24, desde as as 18 horas, a diversión estará garantida no auditorio do Pazo co espectáculo “Cores, Contos e Rock n´Roll”, de Pakolas, que ofrecerá unha proposta musical e conceptual na que se mesturará a música e a ilustración. Mentres que o concerto avanza, a artista Laura Romero irá plasmando conceptos e emocións nun lenzo. Ademais, habilitarase un espazo do libro inclusivo para achegar esta temática aos nenos e nenas. Un divertido photocall, un punto de Información e o sorteo de agasallos entre todos os/as asistentes completarán unha xornada de ocio saudable a prol da igualdade e a inclusión.