Alta actividade no stand de Galicia en Fitur

1 minutes read

O stand de Galicia rexistra o maior número de actividades en Fitur e esperta o interese dos operadores presentes na feira, xa que no expositor celebráronse preto dun centenar de reunións profesionais e contactos con operadores de todo o mundo.

Nos tres días nos que se desenvolveron as actividades para profesionais, previos á apertura para o público, a oferta turística de Galicia espertou a curiosidade e o interese de boa parte das axencias e operadores turísticos que buscan destinos axeitados para un tipo de cliente que prioriza a seguridade e a tranquilidade trala crise sanitaria.

Desde o mércores 19 ata este venres 21, no escaparate que Galicia levou a Fitur desenvolvéronse moitos contactos entre profesionais co obxectivo de pechar reservas en Galicia de cara ao verán. A oferta galega espertou sobre todo o interese de operadores de países europeos, como Francia, e americanos, como México ou Venezuela, pero tamén de Rusia ou China, o que favorecerá a recuperación do turismo internacional.

A feira continuará aberta ata o domingo para o público en xeral, e no stand de Galicia, ademais da oferta turística despregada, haberá actuacións do DJ Mil, que mestura música electrónica e temas galegos, e de Najla Shami, compositora e cantante de nai galega que ofrecerá o seu repertorio de temas en galego.