Alternativa dos Veciños non se presentará ás autonómicas

Cedida.

O líder de Alternativa dos Veciños e alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane vén de anunciar este luns que o seu partido non concurrirá ás eleccións autonómicas do 5 de abril.

Segundo García Seoane e en base a unha análise interna, a súa formación podería acadar o número de votos precisos para facerse cun deputado pero ao non chegar ao 5% mínimo requerido non entraría no Pazo do Hórreo.

O alcalde de Oleiros afirmou que a situación política é “esperpéntica” e considerou que “coma se fora unha máquina de churros aparecen líderes por todos lados que non representan a ninguén”.

O líder do partido amarelo cargou contra o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, recentemente postulado para encabezar a listaxe da formación nas vindeiras autonómicas. García Seoane afirmou que “hai catro anos non o coñecía ninguén, acumula unha morea de cargos en Madrid e aspira a ser presidente da Xunta”.