Alto nivel profesional no stand coruñés do Fórum Gastrónomic de Barcelona

1 minutes read

O vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou no Fòrum Gastronòmic de Barcelona cunha intervención en que defendeu a «altísima calidade» do produto, das persoas profesionais da cociña e tamén das empresas que están a traballar no sector da gastronomía. De maneira especial, Regueira fixo fincapé na repercusión que están a ter empresas e profesionais no programa que a Deputación está a desenvolver na feira de Barcelona, con importantes contactos tanto no ámbito do xornalismo especializado como nas empresas de distribución que son o principal público dun dos eventos internacionais de máis relevancia do sector. En canto á presenza de novos cociñeiros e cociñeiras na proposta da Deputación, Xosé Regueira apunta que se conseguiu «demostrar que a nova cociña galega é quen de recoñecer a cociña tradicional e a materia prima de calidade mais tamén transformalo en produto de gastronomía de primeira orde». A presenza no Fórum está a servir de plataforma para a introdución dos produtos nas distintas canles de venta e consolidar novos negocios.