Alto rendemento de Xesús Ferreiro na súa participación na Subida a Chantada

1 minutes read

Fiel á súa cita dos últimos anos, Xesús Ferreiro non quixo perderse tampouco esta vez a Subida a Chantada, que por segundo ano consecutivo volvía ser puntuable para o Campionato de España da especialidade. Co seu Ford Escort RS 2000 MKII inscrito na Categoría 3, era realmente difícil optar ás primeiras prazas entre os Turismos, polo que o piloto da Escuadra Melide Motorsport asegurou xa desde o inicio a súa candidatura para gañar no Grupo H correspondente aos coches Históricos. De feito, nas tres mangas oficiais de carreira, unha o sábado e outras dúas o domingo, Ferreiro realizou un rexistro similar en todas elas rodando sempre en 2 minutos e 14 segundos, o que finalmente lle situaba na oitava praza da clasificación final entre os 23 clasificados tras escoller os dous mellores tempos das tres ascensións realizadas, ademais de adxudicarse o Grupo H. Ferreiro tamén foi dos máis aplaudidos polos afeccionados que acudiron á proba debido á súa xenerosa condución.