Alto risco de contaxio de COVID-19 en todo o continente europeo


O último mapa co sistema semáforo do Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades (ECDC) está practicamente todo en vermello. O sistema semáforo debía de servir de indicador para aplicar ou non restricións de viaxe aos países membros, en base a unha recomendación da Comisión Europea, exasperada pola arbitrariedade e a falta de homoxeneidade nos criterios para os peches de fronteiras. Os países membros aceptaron utilizar os criterios do ECDC e elaborar un protocolo común.

Agora parece que non hai dúbidas… En todo o Continente hai taxas de positividade superiores ao 4% e/ ou máis de 150 casos de COVID-19 por cada 100.000 habitantes, que son os criterios para poñer en “vermello” os países. Isto non significa que se vaian a prohibir as viaxes entre as rexións en vermello, pero poderían aplicarse restricións como corentena ou presentación de probas negativas.

Só Islandia, Noruega, Grecia e Finlandia teñen algunhas zonas en ámbar e hai unha pequena illa verde finlandesa, na última actualización do centro este xoves. Noruega pide aos viaxeiros de case toda Europa que fagan corentena ao chegar. Finlandia pedirá corentena e tests negativos a partir do 23 de novembro.