Alumnado de 3º do CPI As Revoltas de Cabana gaña o Concurso de Podcasts Radio na Biblio


A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de resolver o III Concurso de Podcasts-Radio na Biblio. Un total de oito centros educativos de toda Galicia resultaron gañadores con traballos realizados ao abeiro do programa Radio na Biblio e arredor da figura de Xela Arias, co gallo do Día das Letras 2021.

O obxectivo do certame é estimular a elaboración de produtos radiofónicos por parte dos estudantes, enfocados a salientar a riqueza do patrimonio lingüístico galego, especialmente vinculados á lectura de poesía galega ou ao mundo do libro, da edición e da tradución. Na modalidade para alumnos de 3º a 6º de Primaria, entre os gañadores atópase a Entrevista á nena Xela Arias, do alumnado de terceiro curso de primaria do CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños).

Para participar neste certame os centros debían presentar traballos sonoros como entrevistas, cuñas publicitarias, noticieiros, faladoiros, debates ou programas monográficos, entre outros formatos, todos eles en lingua galega.

Os centros gañadores nas distintas modalidades recibirán unha asignación extraordinaria de 1.000€ para melloras no laboratorio de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento do mesmo, sempre vinculado á biblioteca do centro. Así mesmo, poderán visitar as instalacións da radio pública en Santiago de Compostela. Os podcasts premiados serán emitidos por esta emisora; á súa vez, serán difundidos a través da súa páxina web e da canle dixital do Diario Cultural.