O alumnado de 2º curso do CEIP Bergantiños realizou a primeira visita escolar do ano á Casa do Concello. Un total de 75 nenos e nenas participaron na experiencia, que ten como finalidade achegar o funcionamento da Administración local á infancia.
A rapazada foi recibida no salón de plenos polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro Luis Lamas, que se someteron a un auténtico terceiro grao. «Como se fai para ser alcalde, que é o que máis che gusta de Carballo ou como te organizas para resolver os problemas que hai» foron algunhas das moitísimas cuestións formuladas polos escolares, que tamén fixeron unha petición: incrementar o número de papeleiras nas praias. A visita dos nenos e nenas foi recompensada cunha mochila co lema «eu quero a Carballo» e material divulgativo relacionado co medio ambiente.