A iniciativa do Concello de Carballo optou por unir o Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra o 5 de xuño, co Día Mundial da Bicicleta, que se conmemora cada 3 de xuño dende o ano 2018 para visibilizar a importancia dun medio de transporte ecolóxico e saudable. Para xuntar as dúas efemérides, a Concellaría de Mobilidade organizou unha xornada de mobilidade sostible no CEIP Fogar, na que, ademais do propio cole, colaboraron a Policía Local, Protección Civil e o Club Ciclista Carballo. A celebración desenvolveuse ao longo de toda a mañá deste luns, cunha primeira formación teórico-práctica nun circuíto de tráfico habilitado no patio, e unha saída pola contorna do cole na que os nenos e nenas tomaron as rúas con bicicletas, patinetes e a pé, facendo seu o espazo que habitualmente ocupan os automóbiles e, nesa zona especialmente, os vehículos pesados.
0