Alumnado do CRA Ponte da Pedra abriu en Carballo os actos do Día Mundial da Auga

2 minutes read

O 22 de marzo celébrase o Día Mundial da Auga, unha efeméride que nos lembra a importancia da auga doce para a vida, de avogar pola xestión sostible do recurso e, neste 2024, moi especialmente, do papel que xoga na paz mundial. Arredor desta simbólica data, a Concellaría de Medio Ambiente e a empresa concesionaria do ciclo integral da auga en Carballo, Gestagua, organizaron unha actividade que permitirá a máis de 400 escolares de primaria coñecer cal é o proceso que permite que a auga chegue desde o río ata as billas dos seus fogares.

Este luns comezaron as visitas guiadas para todos os coles interesados, para alumnado dos niveis establecidos polos propios centros escolares. Os primeiros foron 24 nenos e nenas do primeiro ciclo de primaria do CRA Ponte da Pedra, pero tamén están confirmados CPR Artai, CEIP Fogar, CEIP A Cristina, CEIP Nétoma-Razo, CEIP Xesús San Luís Romero, CEIP Bergantiños e CEIP Gándara-Sofán, polo que participarán todos os colexios do concello. As datas tamén están fixadas, aínda que poderían modificarse en función das condicións meteorolóxicas.

O concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales, que se achegou ata a planta de tratamento do Bardoso coincidindo coa visita dos escolares, destacou a relevancia de dar a coñecer á poboación o complexo proceso, moitas veces pouco visible para a veciñanza, que permite que a auga chegue ata as nosas casas. Por iso, ademais das visitas guiadas para os/as escolares de primaria, ao longo do ano realizaranse xornadas de portas abertas para o alumnado de secundaria, persoas adultas, maiores e entidades de todo tipo. O obxectivo é concienciar á veciñanza sobre a importancia do uso eficiente da auga como recurso escaso, coidando deste xeito o medio ambiente e avogando pola sustentabilidade.

Na mesma liña, o xefe de servizo e director de operacións de Gestagua en Carballo, Benigno López, que fixo de guía, insistiu na importancia de concienciar á sociedade sobre a importante de preservar e protexer o medio ambiente a través do coidado dos recursos naturais, como é a auga.