Este martes 27 de outubro, o alumnado de bacharelato participante no programa STEMbach e alumnos/as da materia de Física do IES Eduardo Pondal de Ponteceso tivo a oportunidade de achegarse á vangarda da investigación científica coa visita ás instalacións do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear), en Xenebra (Suíza).
Durante a xornada, os estudantes realizaban unha visita guiada polas instalacións do maior laboratorio de física de partículas do mundo, onde poderán coñecer de primeira man algúns dos proxectos científicos e tecnolóxicos que se están a levar a cabo. Ademais, participaban nun taller de construción dunha cámara de néboa, un dispositivo que permite detectar e visualizar a simple vista as traxectorias de raios cósmicos e radiación ionizante. Unha experiencia que lles permitirá achegarse dun xeito práctico e visual ao mundo da física de partículas e á detección da radiación.
A visita supón unha oportunidade excepcional para coñecer o traballo de investigadores/as de referencia internacional e descubrir as posibilidades que ofrece a ciencia como camiño de futuro. Aproveitando a súa estancia en Xenebra, o alumnado tamén terá ocasión de coñecer a cidade e o seu patrimonio cultural.
