O A Asociación de Empresarios de Bergantiños – AXOBER – organiza unha nova xornada do proxecto “Construíndo o futuro: empresas e formación”, que terá lugar o vindeiro mércores, 25 de marzo. Esta é unha iniciativa coa que se pretende reforzar a
conexión entre o ámbito educativo e o tecido empresarial da comarca.
Nesta primeira sesión do ano, participará un grupo duns 25 alumnos e alumnas pertencentes ao ciclo formativo de Electricidade e Telecomunicacións do IES Monte Neme de Carballo, que terán a oportunidade de achegarse á realidade profesional do seu sector e coñecer de primeira man as diferentes saídas laborais existentes na súa contorna máis próxima.
Programa
A actividade desenvolverase ao longa da mañá e incluirá varias visitas organizadas. A xornada comeza as 10:00 horas na Casa do Concello de Carballo, onde o alumando coñecerá o funcionamento de distintos servizos municipais, entre eles a Policía Local, a brigada de obras, o padrón municipal, o mercado e o servizo de recadación.
Posteriormente, ao redor das 12:00 horas, o grupo trasladarase ao Polígono de Carballo para visitar dúas empresas representativas do sector e ambas socias de AXOBER: Electricidade Rafael e Garaysa.
Durante estas visitas, os estudantes percorrerán as instalacións destas dúas empresas acompañados por persoal responsable onde poderán coñecer o seu funcionamento, os postos de traballo existentes así como resolver as súas dúbidas.
Diego Iglesias, Presidente de AXOBER, destaca a implicación das diferentes entidades subliñando que “abrir as portas das empresas é clave para axudar a formar o futuro da comarca e conectar co talento novo”.
O proxecto “Construíndo o futuro: empresas e formación”, impulsado por AXOBER e iniciado o ano pasado, ten como obxectivos principais achegar o mundo empresarial ao alumnado, mostrar as oportunidades laborais da contorna e promover o tecido empresarial local como un referente profesional.