Alumnado do obradoiro de emprego ‘Carballo coida’ inicia a segunda quenda de prácticas

1 minutes read
  • Esta semana incorporáronse nove participantes a varias institucións que traballan con persoas maiores ou con discapacidade

O alumnado-traballador do obradoiro dual de emprego Carballo coida, que está a formarse na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, comezou coa segunda quenda de prácticas.

Esta semana incorporáronse ás institucións colaboradoras outros nove alumnos e alumnas, que ata o 21 de xullo traballarán en dúas entidades diferentes para coñecer o traballo con persoas maiores e tamén con aquelas que teñen algunha discapacidade. Antes de iniciar esta última parte da súa formación recibiron a visita do alcalde, Evencio Ferrero.

O obradoiro dual de emprego Carballo coida é un proxecto impulsado pola concellaría de Formación e Emprego en coordinación coa de Igualdade e Benestar. A intención da programación é paliar un dos principais problemas das traballadoras e os traballadores do sector: a ausencia da titulación necesaria para acadar a inserción laboral.

Esta acción formativa está subvencionada pola consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia cunha achega de 346.946 euros, que tamén ten consignada unha partida de 16.500 euros para 11 incentivos á contratación laboral.