- Representantes das entidades colaboradoras asinaron este luns os convenios correspondentes nun acto celebrado na Alcaldía
O alumnado-traballador do obradoiro dual de emprego Carballo Coida, centrado na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, inician este martes as súas prácticas despois de que este luns se asinaran os convenios de colaboración entre o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e representantes das institucións nas que desenvolverán as súas actividades: Asociación de pais de discapacitados psíquicos de Bergantiños (Aspaber), Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias de Bergantiños (Afaber), Asociación Íntegro das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte, Centro de día de persoas maiores Fogar de Bergantiños de Verdillo e Centro de día da Praza de Vigo.
As 18 alumnas e os 2 alumnos que están a formarse no obradoiro dividiranse en dous grupos para levar a cabo as prácticas, que se desenvolverán en dúas quendas: do 19 de abril ao 3 de xuño e do 6 de xuño ao 21 de xullo. «Cada alumno-traballador vai realizar prácticas en dúas institucións diferentes para coñecer o traballo con persoas maiores, por unha banda, e con persoas con discapacidade, pola outra», explicou a directora do obradoiro, Esther González. Xunto a ela e aos representantes das entidades colaboradoras, ao acto deste luns tamén asistiron a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, e o concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade. Tanto eles coma o alcalde agradeceron a implicación das entidades e destacaron a importancia da formación nun campo con grandes necesidades de profesionais.
O obradoiro dual de emprego Carballo Coida é un proxecto impulsado polas concellarías arriba mencionadas para paliar un dos principais problemas das traballadoras e os traballadores do sector: a ausencia da titulación necesaria para acadar a inserción laboral. Esta acción formativa está subvencionada pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia cunha achega de 346.946 euros, que tamén ten consignada unha partida de 16.500 euros para 11 incentivos á contratación laboral.
O Concello de Carballo pretende consolidar a formación en atención sociosanitaria de cara aos vindeiros anos. De feito, a Xunta de Goberno Local aprobou o mes pasado unha solicitude de subvención á Xunta para un novo proxecto formativo, Fórum Dual, que inclúe atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e cociña.