- O Fórum Carballo alberga varios cursos formativos e obradoiros de emprego nas súas instalacións
Un total de 80 veciños de Carballo estanse formando en cursos de diferentes especialidades (cociña, atención sociosanitaria, soldadura, carpintería e electricidade) no Fórum Carballo, entre eles 20 usuarios do obradoiro dual de emprego Carballo Coida. Neste caso, a formación ten unha duración de nove meses e, ademais das clases para abordar todo tipo de colectivos, inclúe accións puntuais como a visita realizada durante a semana pasada á sede da ONCE en Galicia ou a sesión sobre terapias asistidas con animais na que participaron este mércores, coa colaboración do centro especializado Candamín: un centro con gran experiencia no traballo con colectivos como a infancia, as persoas maiores, con discapacidade física ou intelectual e vítimas de violencia de xénero, entre outros.
Algunhas destas accións formativas extraordinarias tamén son compartidas xunto ao alumnado do curso de cociña, como a charla sobre alimentación saudable e patoloxías que ofreceu este luns a nutricionista María Viña.
Esa relación entre saúde e nutrición é, precisamente, o eixo arredor do cal xira o novo proxecto de obradoiro que vén de aprobar a Xunta de Goberno Local para presentar a solicitude de subvención, por 524.464 euros, á Xunta de Galicia. Fórum Dual é unha acción formativa na que o Concello pretende involucrar a outras 20 persoas, 10 na especialidade de cociña e 10 en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, buscando «o vínculo entre a alimentación e a atención ás persoas maiores, con diversidade funcional ou menores con distintas patoloxías».