Alumnado do obradoiro de emprego ‘Construíndo futuro’ realiza prácticas no sector forestal e no da construción

1 minutes read
  • Nesta iniciativa participan veciños de Muxía, Vimianzo e Camariñas, que este ano é o concello promotor

Os 20 alumnos e alumnas de Construíndo futuro, o terceiro programa mixto de emprego e formación que realizan conxuntamente os concellos de Muxía, Vimianzo e Camariñas (promotor), avanzan na súa formación teórica e práctica no sector forestal e no da construción.

Así, despois de ter realizado unha limpeza exhaustiva do Monte Covadiña de Camariñas e de facer traballos varios en Grixoa, Padreiro e Castrelo (Vimianzo), os 10 integrantes da especialidade de Conservación e mellora de montes contan con seguir levando a cabo as súas tarefas en lugares coma o parque de Quintáns (Muxía) e outras localizacións dos tres concellos.

Por outra banda, o alumnado da especialidade Pavimentos e albanelería de urbanización desenvolveron o coñecemento adquirido nas aulas en diversas actuacións como a demolición e reconstrución dos baños da escola de Carnés ou a rehabilitación da escola de Subeiro, ambas en Vimianzo. Neses traballos execútanse actividades técnicas como colocación de pladur con illamento de lana de roca, demolición de paredes incluíndo desescombro e limpeza, lavado a presión de muros exteriores e posterior tratamento antihumidade, enfoscado de tabiques, aplicación de pinturas antimofo ou alicatado con azulexos, entre outras. Agora, en Camariñas levarase a cabo o acondicionamento da praza Insuela.

O programa Construíndo futuro rematará o 28 de xullo deste ano e desenvólvese grazas a unha subvención de 346.946 euros da Consellería de Emprego e Igualdade.