O obradoiro de emprego larachés inicia a renovación das gradas do campo de fútbol de Paiosaco

1 minutes read
  • A especialidade de «Atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais» continúa coas prácticas en centros residenciais da Laracha, Arteixo e A Coruña

Este martes, o alumnado da especialidade «Pintura industrial en construción» do Obradoiro de Emprego A Laracha VII iniciou os traballos de mantemento e mellora da cuberta das gradas do campo de fútbol municipal A Porta Santa de Paiosaco. As intervencións consisten no lixado da superficie da estrutura metálica para, posteriormente, aplicar imprimación epoxi e un esmalte de poliuretano de dous compoñentes.

Para poder desenvolver estes traballos en condicións, o Concello puxo a disposición do Obradoiro catro plataformas articuladas. Así, os dez alumnos traballadores está a poñer en práctica a formación adquirida previamente no mes de decembro para utilizar este tipo de máquinas.

O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros Jesús Souto e Rocío López acudiron ás instalacións deportivas para reunirse coa directora, mestre e alumnado para interesarse polas actuacións que se están a realizar.

Paralelamente, as alumnas de «Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais», a outra especialidade deste programa dual de formación e emprego no que colabora a Xunta de Galicia a través da Consellería de Emprego e Igualdade, continúan realizando as prácticas nos tres centros residenciais da Laracha, Arteixo e A Coruña. Estanse a levar a cabo por quendas, compatibilizando cun día de seguimento semanal na aula por parte da súa titora e coa docente da especialidade.