Varios técnicos do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais da Consellería do Medio Rural levaron a cabo unha demostración das capacidades da Unidade Técnica de Apoio (UTA) en montes do concello lugués de Begonte. Así, o persoal instruíu a alumnos da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo das posibilidades que ofrece a tecnoloxía na loita contra os lumes.
Os técnicos do Servizo antiincendios explicaron a utilización desta unidade, que funciona como unha oficina móbil nalgúns incendios, pola superficie que afectan, pola peculiaridade dos propios lumes ou porque existe risco para as persoas ou bens, entre outras cuestións. En concreto, sinalaron que esta unidade contribúe á dirección e coordinación dos traballos de extinción, ademais de apoiar e asesorar ao director técnico de extinción do lume na toma de decisións e operacións.
Así, a UTA está formada por dous vehículos e por persoal técnico que se desprega como apoio loxístico e técnico á extinción dos incendios, a cal inclúe un furgón adaptado equipado con tecnoloxías como antena parabólica, dron, ordenadores, impresoras de varios tamaños e formatos, emisoras de comunicación e equipo meteorolóxico
Durante a demostración práctica desta oficina móbil, os técnicos tamén abordaron as funcionalidades dos programas informáticos de xestión de medios incorporados a esta unidade, así como o sistema de información xeográfica e simuladores de meteoroloxía e recepción de imaxes.
25