Alumnos de Vigo, Ponteareas e A Coruña resultan galardoados no certame Eduemprende Idea


O concurso eduEmprende Idea 2021 estaba dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño.

O obxectivo do certame é fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado a través da elaboración de proxectos empresariais concretos, aproveitando as experiencias empresariais coas que entran en contacto mediante visitas a asociacións ou federacións de empresas.

Premiouse os tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade, unha dirixida a ciclos de grao superior e outra a ciclos de grao medio. Nas dúas modalidades o premio consiste na incorporación a un viveiro de empresa da Consellería, no asesoramento técnico do Igape e nunha dotación económica de 3.000 € (1º premio), 2.000 € (2º premio) e 1.000 € (3º premio).

Na modalidade de ciclos de grao superior o primeiro premio foi para o proxecto Beade Bike Park & Workshop, conxunto entre o Centro Integrado de FP (CIFP) Valentín Paz Andrade e o colexio CPR Vivas, ambos de Vigo. Esta iniciativa consiste na creación dun Bike Park para poder disfrutar das diferentes modalidades de MTB (Dirt Jump, Slope style, enduro, Freeride, BMX …), e unha tenda asociada para vender produtos relacionados co sector, manter a punto as bicicletas, tanto dos usuarios do circuíto como de persoas alleas a el. A maiores ofrece outros servizos como cursos e roteiros.

O segundo premio foi para Capptus, do CIFP Manuel Antonio (Vigo). Trátase dunha aplicación móbil que permite aos guías dividir a grandes grupos en grupos reducidos, comunicarse con eles en grupo ou individualmente e utilizar a xeolocalización durante o transcurso da visita. Desta maneira, os usuarios poden saber onde está o guía e percorrer os espazos libremente sen necesidade de permanecer nun grupo.

O terceiro premio da modalidade de ciclos de grao superior foi para Viñedo Ecolóxico, do CIFP A Granxa (Ponteareas), un proxecto de plantación do viñedo ecolóxico para a elaboración do Albariño Organic Wine como dinamizador rural, no cal se trata de aportar unha visión que dea respostas aos desafíos que atopa o pequeno produtor.