- «Aprende a través do surfing» é un programa que usa este deporte como una ferramenta educativa máis
O alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP de Caión, en A Laracha, desprazouse este mércores ata a praia da localidade para participar no programa «Aprende a través do surfing», promovido pola Federación Española de Surfing e a asociación Surf And Clean. Esta iniciativa, apoiada pola Deputación da Coruña e o Concello da Laracha, propón este deporte como una ferramenta educativa, creando ao mesmo tempo unha concienciación sobre o medio ambiente.
«Aprende a través do surfing» consta de varias fases como a realización de módulos e actividades en liña nos propios centros educativos durante o horario lectivo. Posteriormente os alumnos acuden ao areal para poñer en práctica o aprendido. Nos vindeiros días acudirán á praia os alumnos do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco.
Desde o Concello da Laracha apoian a iniciativa considerando que «é unha oportunidade para que os rapaces poidan iniciarse na práctica do surf e, ao mesmo tempo, tomen conciencia da importancia de conservar os espazos acuáticos e respectar o medio ambiente».
O programa tamén se puxo en marcha en máis concellos da Costa da Morte como Camariñas ou Malpica.