Unha decisión que se produce despois de que Rabat intensificase as súas manobras internacionais para eliminar de forma definitiva calquera negociación sobre un referendo de autodeterminación tutelado pola ONU para a independencia do Sahara Occidental.
A ruptura prodúcese despois de que Marrocos normalizase os seus lazos con Israel. Marrocos lamentou esta decisión unilateral de Alxeria, condenando unha «lóxica de escalada». Alxer tamén acusa a Rabat de apoiar a un movemento independentista cabileño ao que acusa de estar detrás dos enormes incendios que mataron polo menos a 90 persoas no norte do país, en Cabilia.
Esta ruptura diplomática non é a primeira, o 7 de marzo de 1976, foi Rabat quen puxo fin ás súas relacións con Alxer por recoñecer a República Árabe Saharauí Democrática, autoproclamada polo Fronte Polisario no Sahara Occidental. Hoxe é recoñecida por 85 estados. En decembro pasado o entón presidente dos Estados Unidos Donald Trump anunciou o recoñecemento estadounidense da soberanía de Marrocos sobre o Sahara Occidental.