Amancio Ortega compra o 5% de Red Eléctrica


Pontegadea, un dos brazos investidores de Amancio Ortega, fíxose co 5% do capital de Red Eléctrica Española (REE), a empresa que xestiona a rede de alta tensión eléctrica en España, e convértese así no primeiro investidor privado da compañía e o segundo accionista tras a Sepi (Sociedade Estatal de Participacións Industriais), que ostenta o 20%. As accións da compañía terminaron a sesión deste xoves a 16,85 euros, capitaliza ao redor de 9.120 millóns de euros, polo que o 5% roldaría un valor de 450 millóns de euros.

Desta forma, o fundador de Inditex e unha das maiores fortunas do mundo engade Red Eléctrica á súa carteira de investimento, coincidindo coa polémica en España polos altos prezos da luz nas últimas semanas. Nesa carteira tamén están presente Enagás, da que o Grupo Pontegadea posúe o 5%; Telxius, da que ostenta o 9,99%, e Inditex, que constitúe o seu principal investimento e da que posúe o 59,29%.