- Os traballadores non se sinten o suficientemente protexidos
O xigante estadounidense da compra online e da distribución paralizou, desde este xoves e ata o vindeiro martes, a súa actividade en Francia.
O cesamento da actividade nos seis centros que a compañía ten no país francófono prodúcese despois da sentenza dun tribunal do país na que se ordenaba frear todas as entregas excepto as consideradas como esenciais durante o confinamento. É dicir, poderán repartirse produtos alimenticios, medicinais e hixiénicos.
O envío de calquera outro produto derivaría nunha multa dun millón de euros por día. Ante esta situación, a empresa decidiu pechar temporalmente, sen ofrecer os servizos mínimos.
Un peche que segundo o portal de noticias Euronews non sorprendeu á Unión Sindical Solidarios, cuxa portavoz, Stéphane Enjalran, sinalou que «A nivel de comunicación, Amazon exerce presión sobre os traballadores, ponlles en contra á opinión pública ao dicir: mírenos, non queren traballar, non queren entregarlle o que necesite rapidamente, cando, por suposto, o que estamos a dicir non é deter todo tipo de envíos senón limitalos ao que é verdadeiramente necesario, esencial «.
O tribunal de Nanterre tamén se puxo de lado dos traballadores ao ditaminar que Amazon non estaba a facer o suficiente para protexelos da pandemia de Covid-19. Un empregado está en coidados intensivos, varios foron diagnosticados e sospeitan que un número non calculado poderían estar infectados.
Amazon pagará a totalidade dos salarios a preto de dez mil traballadores que quedarán en casa.