Ames | Convenio para acondicionar a avenida da Peregrina, en Bertamiráns


O Concello de Ames acondicionará a avenida da Peregrina, en Bertamiráns, polo que redactará o correspondente proxecto, licitará as obras e será o encargado da súa execución, para o resto contará cun investimento autonómico de case 82.000 euros. A Administración local aceptará a transferencia da titularidade do treito, é dicir, a totalidade da avenida da Peregrina, con inicio no punto kilométrico 0 e remate no 1,16.

Trátase de mellorar o tramo da estrada AC-544 que vai desde a intersección coa avenida da Maía ata o punto quilométrico 0,6, sumando unha lonxitude total de 610 metros.

Este treito de vía autonómica, que discorre polo núcleo urbano de Bertamiráns, é coñecido como a avenida da Peregrina e atópase plenamente integrado na malla urbana.

As actuacións propostas inclúen o fresado de toda a superficie do tramo da vía para nivelar a súa rasante, así como a reposición da capa de rodadura nos dous carrís, beiravías e bandas de estacionamento, con mestura bituminosa en quente.

Tamén se renovará a sinalización horizontal, reporanse as liñas existentes e pintaranse vaos, zonas de carga/descarga, prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, pasos de peóns, símbolos e frechas.