A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou nunha visita institucional que desenvolveu a Ames que este Concello, xunto co do Brión, contarán con financiamento autonómico para desenvolver unha nova edición -a cuarta- do obradoiro dual de emprego Renov Ames Brión, que permitirá que 20 alumnos e alumnas podan formarse en montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas.
Esta actuación será posible despois de que a Consellería de Emprego e Igualdade decidira ampliar en preto dun 50% o orzamento da convocatoria deste ano destinada aos obradoiros duais de emprego. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará esta ampliación nos próximos días, polo que a Administración autonómica investirá finalmente nestes programas 34,2 millóns de euros para cubrir o 100% das solicitudes, o que posibilitará que 1.900 galegos e galegas conten cunha formación axustada ás demandas do tecido produtivo e o acceso a un contrato de traballo.
Lorenzana visitou, ademais do Concello de Ames, a Unidade de Acción Formativa, na que se impartiron entre 2019 e 2021 un total de 8 certificados de profesionalidade; e o Centro de Formación e Emprego, onde se desenvolve, entre outros, o programa integrado de emprego Ames-Brión, no que se están a formar 100 mulleres nos sectores socio sanitario, comercial e de atención ao público, ocio e tempo libre, turismo, limpeza, hostalería e manexo de maquinaria, así como en novas tencoloxías e idiomas, técnicas de busca de emprego, marca persoal, comunicación, habilidades sociais, intelixencia emocional e emprendemento.