Ames, Guitiriz e O Rosal súmanse á APLU

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asina co alcalde de Ames, José Miñones, a alcaldesa de Guitiriz, Sol Morandeira, e a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, os respectivos convenios de adhesión destes municipios á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Foto_ Xoán Crespo.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou que a adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) dos concellos galegos, concretamente de Ames, Guitiriz e O Rosal, garante un correcto uso do territorio e a protección da paisaxe.

Así o puxo de manifesto durante a sinatura dos convenios de adhesión destes municipios formalizada con senllos rexedores, co que o número total de concellos adheridos á APLU elévase a 89.

Recordou que a APLU ten por obxectivo velar pola legalidade urbanística e o control das posibles infraccións, polo que é un ente que está ao servizo dos concellos para garantir a protección do territorio e o respecto á legalidade vixente.

Ángeles Vázquez explicou que, en virtude destes convenios, os concellos delegan na APLU as competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística relativas a obras que se executen sen licenza sempre que estean en solo rústico non urbanizable e solo urbanizable ou apto mentres non sexa aprobado o correspondente planeamento de desenvolvemento, e en núcleos rurais delimitados no PXOM. Por outro lado, a APLU transferirá ao concello un 10% do produto das multas coercitivas e sancións.

Destacou que o obxectivo da Xunta é seguir incorporando novos concellos, ao tempo que se incrementa a colaboración cos concellos adheridos; porque os resultados amosan que a actuación conxunta é sinónimo de éxito.

A modo de exemplo, argumentou que en 2019 -último balance completo dispoñible- baixaron o número de expedientes resoltos, o que denota un aumento da concienciación da poboación e un exercicio máis, o número de execucións subsidiarias, as realizadas polos particulares, foi dun 95%.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha