Amigos de Galicia impartirá en Carballo un taller de promoción das TIC para persoas maiores de 60 anos

Ademais de todas as propostas do programa Remocea, que se desenvolverán entre outubro e xuño e que se dará a coñecer nos vindeiros días, en setembro arrincarán varias actividades dirixidas a maiores de 60 anos, algunhas xa coñecidas, como os bailes dos domingos, que comezarán o día 14 coa actuación de Martín Carrión, e outras novas, como un programa de rutas guiadas ou un taller de promoción das TIC organizado por Amigos de Galicia coa colaboración da Concellaría de Terceira Idade.

O taller de promoción das TIC desenvolverase os días 15, 22 e 29 de setembro e 6 de outubro, de 10.00 a 12.30 horas, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas. As persoas participantes formaranse no manexo dos teléfonos móbiles, correo electrónico, aplicacións como Sergas Móbil ou Whatsapp, a Chave 365, uso de máquinas de quendas ou caixeiros automáticos… e dúbidas que poidan ter os/as usuarios/as.

As persoas participantes deben ter 60 anos ou máis, ou ben ser pensionistas ou xubiladas. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de solicitude. Os impresos de inscrición estarán dispoñibles a partir do luns 25 na entrada da casa do concello, ata completar as prazas.

Related posts

O BNG urxe á Xunta o pago da débeda contraída coas ortopedias da área sanitaria da Coruña-Cee

Deporte, convivencia e inclusión protagonizan os Xogos Inclusivos de Íntegro

A Garda Civil detén a un veciño de Fisterra como presunto autor de seis delitos de incendio forestal