Ampla participación veciñal nos primeiros consellos parroquiais de Carballo

1 minutes read
  • Preto de trinta persoas en Razo e corenta en Entrecruces, entre representantes de asociacións, veciñas e veciños a título individual e representantes políticos, puxeron sobre a mesa propostas, proxectos e necesidades para ámbalas parroquias.

En Razo houbo peticións de todo tipo: un colector, puntos de luz, melloras viarias, preocupación pola situación do Monte Neme, un parque biosaudable… Pero do que máis se falou foi do plan especial que está en fase de elaboración. O alcalde aclarou, ante as dúbidas dos presentes, que haberá xuntanzas informativas e un período de exposición do documento antes da súa aprobación. Neste sentido, insistiu en que “todo o mundo debe participar no proceso, e alegar para mellorar o documento ou para defender os intereses particulares, que son lexítimos”.

En Entrecruces tamén se avanzou na situación dalgúns dos proxectos comprometidos, como o acondicionamento do río de lavar, que está pendente dalgúns cambios solicitados por Augas de Galicia, e o saneamento de Taboada e A Granxa, que está previsto contratar este mesmo ano. Solicitaronse pequenas actuacións para mellorar os distintos servizos públicos, sobre todo os relacionados coa rede viaria. Pediron equipamento para o centro social, unha zona de ocio na Alta e a mellora da seguridade viaria na estrada de Santiago, unha petición que se trasladará dende o Concello á Deputación da Coruña, titular da vía. E unha vez máis falouse do deslinde de Coristanco, unha materia pendente que se retomará tras o cambio de goberno no municipio coristanqués.