Ampliación de servizos no campo de fútbol das Eiroas


A instalación deportiva, ubicada no polígono de Bértoa, contará a vindeira temporada con máis e mellores servizos, tanto para os/as deportistas como para o público. As obras de ampliación dos vestiarios, construción dunha nova grada cuberta e urbanización exterior están xa na recta final, como puideron comprobar o alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Obras e Deportes, Luis Lamas e Marcos Trigo, na visita que veñen de realizar acompañados por técnicos municipais, da empresa construtora e do equipo redactor do proxecto. As obras foron adxudicadas por 453.725,80 euros á empresa carballesa Covisam Norte S.L. O desenvolvemento dos traballos viuse freado durante o estado de alarma, que afectou mesmo ao abastecemento de material, pero nas últimas semanas foi posible recuperar a normalidade e intensificar o traballo co obxectivo de que o campo estea listo para a próxima tempada.