Ampliada a capacidade da liña de autobús que conecta Fisterra con Cee e que continúa ata a Coruña

1 minutes read

A Xunta de Galicia vén de ampliar a capacidade da liña de autobús que conecta Fisterra con Cee e continúa ata a cidade da Coruña, pasando por localidades como Dumbría, Vimianzo ou Carballo. O obxectivo é garantir un servizo axeitado ao alumnado que se despraza diariamente aos institutos da zona e ás persoas usuarias en xeral da comarca, que tamén empregan esta conexión para viaxar á capital herculina.

A partir do próximo luns 6 de outubro esta liña contará cun novo autobús de maior capacidade, que se empregará especialmente nas expedicións con máis demanda, entre elas a das primeiras horas da mañá con saída de Fisterra ás 8:00. Este vehículo permitirá incrementar de xeito significativo as prazas dispoñibles e ofrecer unha mellor resposta ás necesidades de mobilidade.

Esta medida ten en conta as necesidades trasladadas polas familias e persoas usuarias, co obxectivo de mellorar o servizo nos días lectivos e facilitar os desprazamentos tanto de estudantes como da cidadanía en xeral.