Ampliadas as axudas á industria do mar polas perdas de ingresos pola covid-19


A Consellería do Mar vén de ampliar ata preto de 6,2 millóns de euros o crédito dispoñible para a concesión de axudas coas que compensar ás empresas de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura que tivesen perdas de ingresos entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus.
O orzamento fixado inicialmente nesta convocatoria era de 4 millóns de euros, pero dado que as solicitudes presentadas superaban o importe habilitado, fíxose necesario facer unha ampliación de crédito de máis de 2.194.000 euros coa finalidade de poder atender mellor as solicitudes do sector.

Con estes apoios, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), quedan subvencionadas ata o 50% das perdas de facturación rexistradas como consecuencia da covid-19 sempre e cando estas sexan de polo menos un 20% en relación cos ingresos medios para o mesmo período nos tres exercicios anteriores (2017,2018 e 2019).

No caso das empresas con menos de tres anos de actividade, deberán ter actividade polo menos no ano natural 2019 completo e o cálculo realizarase tendo en conta os datos dos anos correspondentes. A contía máxima por beneficiario será de 400.000 euros.