Ampliadas as axudas dirixidas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade


A Xunta vén de ampliar o orzamento da convocatoria de axudas dirixidas ás entidades sen ánimo de lucro para a posta en marcha de programas destinados á atención das mulleres en situación de especial vulnerabilidade. A Consellería de Emprego e Igualdade amplía de 1,4 a 1,6 millóns de euros este programa de apoios para cubrir todas as solicitudes recibidas nesta convocatoria.

Os programas desta iniciativa están enfocados a atender ás mulleres en situación social ou económica de risco. Teñen esta consideración as mulleres vítimas de violencia de xénero; de explotación sexual-laboral; inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas, pertencentes a unha minoría étnica ou reclusas e ex-reclusas, entre outros colectivos vulnerables e, polo tanto, merecedores dunha especial atención por parte da Administración a través destas axudas, que chegan neste 2021 a 80 programas de 80 entidades.

Ao abeiro desta convocatoria fináncianse, ademais, programas que acollan recursos integrais específicos para mulleres de colectivos vulnerables e en situación de xestación ou lactancia con fillos ou fillas menores de tres anos dirixidos a promover o seu desenvolvemento vital e a súa autonomía económica e afectiva, co obxectivo de corrixir que unha situación desexable poida converterse nun factor de exclusión.