A Consellería de Política Social asinou un novo convenio do programa Xantar na Casa co Concello de Ferrol para a ampliación do número de usuarios cos que contará este servizo no municipio. A día de hoxe, esta iniciativa atende a 15 persoas no Concello de Ferrol. Coa sinatura deste convenio o servizo ampliarase ata os 45 usuarios.
Xantar na Casa é un programa que achega menús diarios, saudables e equilibrados aos domicilios das persoas beneficiarias. Ademais de permitir unha alimentación de calidade, evita un deterioro na calidade de vida das persoas maiores, que se complementa, ademais, cunha vixilancia que posibilita a detección de situacións de risco.
Actualmente o programa chega a 182 concellos en toda Galicia, acadando un total de 1.600 usuarios que reciben o seu menú diario. O obxectivo da Xunta de Galicia é chegar a 2.000 beneficiarios ao longo desta lexislatura. Os usuarios do programa son fundamentalmente persoas maiores que viven soas ou que contan con limitacións para poder contar cunha alimentación axeitada.
Xantar na Casa finánciase a través de convenios formalizados cos concellos, nos que a Xunta asume o 50% do custe dos menús, e o 50% restante asúmeno a partes iguais o Concello e o beneficiario.