Ata o día 3 de outubro foi ampliado o prazo para que a mocidade do exterior poida solicitar algunha das 108 bolsas Retorna Talento FP co fin de realizar estudos de Formación Profesional que lles permitan mellorar a súa cualificación e volver á súa terra de orixe.
Os trámites deberán facerse a través da aplicación informática Ciclosadmisión. Os requirimentos poden consultarse no Diario Oficial de Galicia e son, con carácter xeral, non ter gozado destas bolsas en convocatorias anteriores, ser residente no estranxeiro e ter nacionalidade española, ter menos de 40 anos e ter algunha relación de orixe ou consanguinidade con Galicia.
Por primeira vez ofértanse neste marco prazas en ciclos de FP Dual, coa colaboración de 25 empresas, unha modalidade que favorece a inserción laboral dos titulados.