Trátase de oito novas hectáreas de superficie verde equipadas cunha pista de BMX, un labirinto construído con lousas procedentes da obra do Fontán, unha rede de sendeiros para pasear e un miradoiro, instalacións abertas xa ao público.
“Esta nova zona completa as intervencións nas ladeiras do Monte Gaiás para desenvolver o Bosque de Galicia, unha extraordinaria área verde de 40 hectáreas de superficie total e máis de 12.000 árbores que se converte nun dos grandes pulmóns da cidade de Santiago”, apuntou o titular de Cultura, Román Rodríguez, quen destacou tamén as múltiples posibilidades para o tempo de lecer que ofrece o Gaiás nos seus exteriores.
Os traballos para crear o Bosque de Galicia leváronse a cabo en tres fases diferentes. Así, as oito hectáreas da ampliación rematadas agora súmanse ás 20,8 acondicionadas na primeira fase e ás 9,9 na segunda. O resultado é un bosque con máis de 12.000 árbores de especies autóctonas, unha superficie que se achega ás 40 hectáreas e unha rede de sendeiros de seis kilómetros.