Amplo operativo antidroga en Carballo con 7 detidos e varios quilos de sustancias intervidas

1 minutes read
  • A operación levouse a cabo de maneira conxunta por Vixilancia Aduaneira e Policía Nacional.

A investigación, iniciada fai oito meses, púxose en marcha tras detectar as forzas de seguridade movementos sospeitosos dun vehículo que estaba a ser vixiado pola súa presunta implicación no transporte de drogas desde fóra de Galicia. O coche, que saíu pola A6 en dirección Madrid, foi interceptado ao seu regreso nunha peaxe da AG-55, xa preto de Carballo. No seu interior, ocultos nunha “caleta” artesanal tras os asentos dianteiros, acháronse máis de cinco quilogramos de cocaína en roca.

A partir de aí, levouse a cabo unha profunda investigación para pescudar o destino da droga incautada e os implicados. Os investigadores tiveron coñecemento da existencia dun grupo criminal liderado por un home asentado en Carballo, no que cada membro tiña unha función asignada. O xefe do grupo contaba con numerosos contactos no ámbito do tráfico de estupefacientes e establecera unha gran rede de clientes. Para atender a demanda contaba con varios subordinados, ademais de establecer medidas de seguridade e un férreo control sobre a distribución da droga, incluso indicando de maneira precisa a súa porcentaxe de ganancia en cada venda e a porcentaxe que correspondía aos seus axudantes.

As pescudas permitiron identificar a todos os membros do grupo criminal e, o pasado 12 de agosto, procedeuse á realización de catro rexistros simultáneos en Carballo. O operativo, desde o inicio da investigación, rematou con sete detidos, e interviñéronse case 6 quilos de cocaína en roca, 7.000 euros en efectivo, dous vehículos e útiles para a preparación da droga.