Minutos antes das 14:00 horas deste sábado, un particular alertou ao 112 Galicia tras escoitar unha explosión nun edificio da avenida de Cesáreo Pondal, en Serantes, no Concello de Laxe. Segundo indicou, comezou a saír fume por unha fiestra do primeiro andar e varias persoas pedían axuda desde o interior das súas vivendas. Nos minutos seguintes, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias recibiu máis chamadas, algunhas delas procedentes do propio edificio afectado.
Inicialmente, axentes da Policía Local e varios veciños tentaron sufocar as lapas con extintores, sen éxito. O 112 Galicia activou de inmediato un amplo operativo no que interviñeron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Carballo e Santa Comba, o GES de Ponteceso, Garda Civil, Policía Local e voluntarios de Protección Civil de Laxe, coa colaboración de persoal de Medio Rural. Durante a tarde uníronse tamén os Bombeiros de Cee.
Pouco despois, os Bombeiros confirmaron que o incendio se propagara a través do patio de luces, afectando a dous edificios. Máis tarde, o lume chegou a un terceiro inmoble. Varias vivendas resultaron danados polo fume e o lume.
Durante o operativo, os bombeiros rescataron varios veciños utilizando unha autoescada, máis tarde comunicaron que se viron afectadas trece vivendas de tres edificios co patio de luces compartido, mais os medios continuaban comprobando e valorando a situación de todos os pisos.
A Garda Civil informou desde o lugar de que dúas persoas foron evacuadas ao hospital por queimaduras e inhalación de fume, e varias recibiron atención en centros sanitarios da zona.
Durante a madrugada deste domingo 1 de xuño tiveron que volver a desprazarase a Laxe os bombeiros dos parques provinciais de Carballo e Santa Comba, ademais do GES de Ponteceso, debido a unha reactivación do incendio.