Ana Baneira fará parada en Muxía co seu proxecto medioambiental pola costa

1 minutes read

O Concello de Muxía recibirá este luns, 3 de agosto, a Ana Baneira, unha coruñesa que se lanzou á aventura para pasar preto de dous meses percorrendo a costa galega cunha misión concienciadora, recoller o lixo que vexa ao seu paso, ademais de investigar as incidencias medioambientais en lugares sinalados con bandeira negra. Será no Salón do Voluntariado, ás 12:00 horas, e alí poderá contarlle a súa experiencia á rapazada participante nos campamentos de conciliación impulsados pola administración muxiá. Cabe destacar que unha das liñas vertebradoras destes campamentos era precisamente o medio ambiente.

Baneira ten previsto transitar un total de 1.498 quilómetros, tres provincias (Lugo, A Coruña, Pontevedra), 978 praias, 16 rías, 44 faros e 76 municipios para conseguir que a variante do Camiño de Santiago que está a realizar, o Camiño Portugués, sexa ‘unha ruta máis limpa’.

Ana comezou o pasado 11 de xullo o seu percorrido desde A Guarda e case un mes despois chegará a Muxía. O lixo que vai recollendo pésao cunha báscula para facer un cálculo aproximado do total recollido cando acabe a súa planificación.

O alcalde, Iago Toba, quixo agradecer a labor que está a realizar Ana Baneira xa que “é unha iniciativa moi valente da que todos e todas debemos aprender. Muxía sempre terá as portas abertas a este tipo de iniciativas, ecoloxistas e concienciadoras”.