- Urxe ao PP a sacar da parálise á Comisión de reactivación económica e social para que o Parlamento aporte alternativas para saír da crise.
- Critica que Feixóo xustifique á responsable de DomusVi cando debería pedir desculpas, abrir unha investigación e dirimir responsabilidades.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo fincapé en que os datos da terceira onda continúan en cifras alarmantes, polo que insta a non baixar a garda nin a caer na precipitación ante unha pandemia lonxe de estar controlada. “Foi un tremendo erro de Feixóo marcarse como obxectivo salvar o Nadal, e agardemos que agora non nos digan que o obxectivo é salvar a Semana Santa. O obxectivo é salvar vidas, sabendo ademais que é a mellor fórmula para salvar a economía”, explicou.
Para controlar o virus, subliñou, Pontón incidiu na urxencia de reforzar o sistema sanitario e na vacinación e, en paralelo, traballar no ámbito das medidas que permitan a reactivación económica e social. Pontón volveu demandar o plan de vacinación e tilda de inaudito que o Goberno do PP siga sen presentalo no Parlamento.