Ana Pontón afirmou que ve Carballo «a tope» e cun “impulso renovado”

Ana Pontón e Daniel ¨Pérez_bng

  • A líder do BNG realizou este xoves unha visita institucional a Carballo, un concello no que, indicou, sobresaen os investimentos en infraestruturas e servizos para “seguir mellorando a calidade de vida” dos seus veciños e veciñas.
     

En declaracións aos medios xunto ao rexedor, Daniel Pérez, co que previamente mantivo unha reunión xunto ao seu equipo de goberno para abordar as prioridades e proxectos do Executivo local, Pontón puxo en valor un goberno municipal do BNG que “está a tope de proxectos para seguir transformando Carballo, para mellorar a vida das persoas e para seguir construíndo ese orgullo de ser de aquí”.

A portavoz nacional dixo ver no goberno local liderado por Daniel Pérez “un impulso renovado para seguir transformando Carballo” con ideas e iniciativas que contribúen a seguir facendo da localidade “un gran lugar para vivir”, logo dunha transición á fronte da Alcaldía que cualificou de “modélica”.

Neste sentido, destacou os “investimentos millonarios” que se van a levar adiante na vila para seguir mellorando a calidade de vida dos veciños e das veciñas, para seguir incrementando a cohesión social, para seguir impulsando o desenvolvemento económico e para continuar avanzando nunha clara aposta pola cultura e pola lingua.

“O que vexo é que Carballo ten un gran alcalde que está a tope con proxectos e ideas para seguir mellorando a vida da veciñanza e que lle dan un impulso renovado a un concello que é un referente dos concellos BNG, pola súa capacidade de transformación en positivo para ganar dinamismo social, para crear emprego e, en definitiva, para demostrar que temos un gran proxecto para que Carballo siga avanzando”, afondou.

A líder nacionalista salientou a importancia de que todas as actuacións previstas polo Executivo local sexan acompañadas e arroupadas co investimento da Xunta, para o que apelou a unha maior “ambición” para a localidade por parte do Goberno do PP. “Parécenos que hai cuestións que levan moito tempo retrasando o desenvolvemento desta zona que dependen da Xunta e que chegou o momento de que haxa un impulso decidido para estas actuacións”, incidiu.

Neste contexto, Pontón referiuse en primeiro lugar á circunvalación de Carballo, á que, unha vez adquirido o compromiso de ampliar o polígono empresarial, considerou fundamental darlle a capacidade necesaria para asumir todo o tráfico que vai supoñer a actividade do parque.

“Neste momento hai unha partida que é absolutamente irrisoria, sen ambición, e no BNG o que temos é ambición por Carballo, por iso defenderemos unha emenda nos Orzamentos da Xunta para que se dote con cinco millóns de euros a variante de Carballo”, anunciou, ante a que considerou “unha obra necesaria” que ten ademais “o consenso social” e de “todos os sectores económicos”. “O que non se entende é como unha vila como Carballo non ten unha infraestrutura destas características”, sintetizou.

E, en segundo lugar, a portavoz do Bloque tamén puxo o foco no ámbito sanitario e, concretamente, na ampliación do único centro de saúde que ten a localidade, a única poboación de máis de 30.000 habitantes que ten un só centro destas características.

Por iso, avanzou que o BNG reclamará ao Executivo do PP que “cumpra cos veciños e veciñas e asuma esa ampliación”, para o que tamén presentará unha emenda aos Orzamentos de 2026 dotada de dous millóns de euros co obxectivo de que “a ampliación do centro de Carballo sexa unha realidade”. Unha actuación, recordou, na que o Concello “ten os deberes feitos”, dado que xa puxo a disposición da Xunta os terreos e a urbanización necesaria para levar a cabo as obras.

Parte do grupo de Goberno con Ana Pontón en Carballo_bng.

A líder nacionalista advertiu que “non valen escusas” cando se trata de algo tan importante como é mellorar a sanidade pública e máis concretamente a atención primaria, da que remarcou “está pasando neste momento por unhas circunstancias moi difíciles”. “Non é de recibo que unha poboación como a de Carballo, que ten máis de 30.000 habitantes, teña un centro de saúde que é absolutamente escaso para as necesidades que ten a súa poboación”, subliñou.

Por último, Pontón remarcou a súa satisfacción por regresar a Carballo e poder coñecer da man de Daniel Pérez e o seu equipo de goberno todas as iniciativas que está a desenvolver o Executivo local do BNG. “Vemos un concello que ten un impulso renovado e unha alcaldía que está a tope con Carballo e con proxectos para poder mellorar a calidade de vida dos veciños e das veciñas”, reiterou para concluír a súa intervención.     

Related posts

Celebradas no IES Parga Pondal de Carballo dúas das tres sesións que acollerá sobre o cambio climático

O BNG destaca que a súa presión vén de facer que a Xunta actúe ante a acumulación de area na entrada de Muxía

Morre un home e unha muller resulta ferida grave en Cuntis nun accidente de tráfico contra un camión